RIBEIRA – A XX Mostra Infantil de Teatro contará con cinco grupos locais e tres de fóra

Oito grupos, dos que cinco son de Ribeira e o resto proceden doutras localidades, subiranse ás táboas do auditorio municipal de Santa Uxía para participar na XX Mostra Infantil de Teatro entre os días 22 e 26 do presente mes. A concelleira de Educación e Cultura, Herminia Pouso, desgranou a programación, que arrancará coa actuación do grupo de teatro da ANPA Bandaseca do CEIP Salustiano Rey Eiras, da Pobra, con “Sueño de una noche de verano” de Genma do Carmo. O 23 actuará o grupo de teatro da ANPA do colexio Bayón con “La bella y la bestia”, de Gabrielle-Suzanne Barbot de Villeneuve, e o 24 haberá dúas funcións: o grupo de teatro do colexio A Milagrosa de Oleiros con “La mansión fantasma”, de Carmen Gil; e o obradoiro de teatro do CEIP O Grupo con “Máis educación” de Daniel Gómez Ramil. O xoves 25 será o grupo de teatro da ANPA Monte Tahume do CEIP Olveira quen porá en escena “Recreo” de Nancy Frey e José Placer; mentres que acto seguido actuará o grupo de teatro da ANPA Felipe Castro de Noia con “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” de Carlos Casares. E o día 26 abrirase co grupo de teatro do colexio Bayón e a obra “Rapunzel” dos irmáns Grimm e despois o grupo Teatrando Alecrín de Lousame representará “O baúl musical” de Adriana Castro. Cada día de función arrancará ás 20.00 horas, podéndose retirar as entradas, que serán gratis, dende media hora antes do inicio das mesmas.