A POBRA – Descontento do BNG pola actitude do goberno municipal

IMG_20151218_032323

O portavoz municipal do BNG, Ramiro Ouviña, declarou que esta organización deu o seu apoio á investidura do actual alcalde tras considerar que sería positivo para a A Pobra un novo goberno coa expectativa dunha profunda rexeneración democrática da vida do concello. Por este motivo, tamén, ofreceu a colaboración do grupo municipal do BNG para chegar a acordos puntuais que facilitasen a gobernabilidade.

Non obstante, a actitude do goberno municipal, en minoría, veu demostrando que non está nin pola  rexeneración democrática nin por chegar a acordos, e unha boa mostra disto é o proceso que tivo como colofón o pleno extraordinario desta mañá.

O señor Ouviña recordou que o BNG, a principios do mes de outubro, alertou de que se abrira o prazo para presentar proxectos a dous plans da Deputación da Coruña (Plan de obras e servizos, POS, e Plan de acción social, PAS) e ofreceu publicamente ao goberno municipal, unha vez máis, a colaboración do BNG-AA para chegar a un consenso sobre as obras a solicitar. O goberno municipal emprazou ao conxunto dos grupos da oposición a unha reunión de portavoces na que se puxeron enriba da mesa todas as propostas dos grupos políticos. Houbo unha segunda reunión na que o goberno municipal engadiu novas propostas e, ante a demanda da oposición de que se fixera un cálculo do que custaría cada unha delas para poder tomar unha decisión acaída, o alcalde comprometeuse a convocar unha terceira reunión para concretar. Esa terceira reunión nunca se chegou a convocar, polo que quedou demostrado que as dúas primeiras non eran máis ca un “paripé”.

Finalmente, salientou o portavoz do BNG, a vinte e seis horas de rematar o prazo establecido pola Deputación, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, convoca un pleno extraordinario para aprobar aqueles proxectos que o goberno municipal decidiu en solitario, sen aportar aos grupos da oposición a documentación precisa en tempo e forma, facendo cambios da mañá para a tarde na orde do día, sen explicar criterios… En resumo, coa improvisación á que xa nos ten afeitos, pero, o que é moito peor e moi grave, sen buscar o consenso, con moita prepotencia e cunha actitude soberbia que non se pode permitir un goberno en minoría, ninguneando aos grupos da oposición e someténdoos á chantaxe de que, ou se aproban eses proxectos, ou se deixan de ingresar cincocentos mil euros no concello.

É por este motivo que todos os grupos da oposición decidimos abandonar hoxe o pleno. E é por responsabilidade política que o portavoz do BNG-AA acudiu á nova convocatoria de urxencia hora e media despois, co fin de que o noso concello non perdera os case 500.000 € que lle foron asignados nos plans arriba citados.

Finalmente, Ramiro Ouviña lamentou que a confianza depositada polo BNG na rexeneración democrática fose traizoada reiteradamente polo goberno municipal da Pobra, que utiliza os vellos métodos de gobernos anteriores, conducindo, incluso, á crispación da vida política que había moito tempo desaparecera do concello da Pobra.