RIANXO – Un concerto con toda a esencia de Manuel María no Campo de Arriba

IMG-20160513-WA0008

O Campo de Arriba, en Rianxo, dará cabida a partir do mediodía deste martes, día  17 de maio, ao concerto das Letras Galegas “Os soños na gaiola”, mesmo título dunha das obras de Manuel María ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Trátase dun proxecto compartido que desenvolveu a Escola de Música de Rianxo a partir de textos do poeta chairego e música que no seu día compuxo o lembrado Suso Baamonde cos arranxos do compositor local Antón Alcalde, xunto co colexio Ana María Diéguez, cun coro e orquestra orff. Esta actividad foi presentada por Rafael Collazo Moares, director da Escola de Música de Rianxo; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; Roi Maceda e José Manuel Rodríguez, membros do colectivo Producións Atlánticas e Irene Amado, mestra de música do CEIP Ana Mª Diéguez, de Asados.

Dedicado o Día das Letras Galegas 2016 ao egrexio poeta lucense Manuel María, a Escola de Música de Rianxo (EMR) iniciou ao longo deste ano un proxecto compartido con intención de divulgar e promover a figura e obra deste insigne galego, ao tempo que a nosa tradición musical máis recente. Así, a partir dos textos de Manuel María e a música que no seu día compuxo o lembrado Suso Baamonde -de quen dirá o primeiro que foi “a persoa máis representativa na historia da música do noso país”-, Antón Alcalde, compositor multipremiado e membro tamén da Escola de Música de Rianxo, realizou os correspondentes arranxos.

Máis alá da mera interpretación ou recreación de poemas e músicas excelentes de fundamentais autores da nosa cultura, a EMR tentou que o proceso implicase outros ámbitos, nomeadamente o educativo, e tivera máis retorno que o simple espectáculo consumido nun concerto. Deste modo, atopou a colaboración e complicidade do CEIP Ana María Diéguez, de Asados (Rianxo), quen articulou un coro de voces brancas e unha orquestra Orff, que se uniron ao desenvolvemento musical do proxecto. Asemade, este centro e a EMR, a través de varios dos seus docentes, elaboraron unhas unidades didácticas vinculadas coa figura e obra dos autores mencionados e a música galega a eles asociada.

Ao proxecto sumase tamén o Concello de Rianxo, facilitando espazos para ensaios, así como o equipo e infraestrutura e a xestión doutros aspectos organizativos derivados do concerto. Está, previsto para a mañá do propio 17 de maio, desenvolverase con carácter público, ao aire libre, no Campo de Arriba, cunha duración total dunha hora, e implicará a comparecencia duns 180 participantes  (a totalidade do alumnado do CEIP Ana María Diéguez -110- e 70 provenientes da formación bandística, así como alumnos e alumnas doutras especialidades da propia EMR). Participan tamén na proposta diversos colaboradores e representantes das entidades organizadoras e do tecido asociativo e cultural de Rianxo recitando, entre cada unha das pezas musicadas, outros tantos poemas do libro de Manuel María que da título ao concerto.

Desde o punto de vista literario e musical, o proxecto implicou o traballo e análise de diversas obras do autor ata chegar á selección dos trece poemas (desde A fouce, ata O meu barco, pasando por O río, O arco da vella, A roda roda ou O caracol), que compoñen o núcleo principal, por consideralos dos máis significativos e apropiados para o obxectivo pretendido. Sobre a música, que no seu día elaborou Suso Vaamonde, Antón Alcalde realizou os necesarios arranxos incorporando ritmosdiferentes segundo os poemas (así, desde o cha-cha-chá ata a jiga celta, pasando pola bossa nova o huapango e, inevitablemente, a propia muiñeira).

En definitiva, e como se pode apreciar, o proxecto Concerto das Letras “Os soños na gaiola”, Rianxo 2016, foi concibido e estase a desenvolver como unha experiencia educativa e cultural entendemos que novidosa, dun alto grao de complexidade dadas as formacións musicais comparecentes e que implica tanto o coñecemento da nosa literatura, como da nosa música, a participación activa e a convivencia.

Exposto e dado a coñecer á Fundación Manuel María e a outras entidades culturais do país, que manifestaron o seu interese polo mesmo, dispón dun acervo que permite o espallamento da experiencia en diverso grao o modo, ben imitando a proposta de Rianxo por outros centros e entidades culturais e musicais, ben utilizando os arranxos realizados por Antón Alcalde  como punto de partida para a inmersión musical no autor. É por ilo que se considerou tamén a importancia da súa conservación e difusión e se ten previsto a súa gravación, de xeito que non só quedara constancia testemuñal do mesmo,   senón que servira tamén para poñelo a disposición dos participantes, entidades, centros e demais institucións interesadas.