BOIRO – O Pazo de Goiáns acolle unha sexta edición da Romaría das Letras Galegas que segue a crecer

A Romaría das Letras Galegas, promovida pola asociación Barbantia, coa colaboración de diversas entidades, chega hoxe a súa sexta edición e o fai mellorando os rexistros de anos anteriores, pois onte xa se confirmara a presenza de 16 expositores, media ducia máis que no 2015. O programa de actividades, que se volverá a desenvolver no Pazo de Goiáns, arrancará as once da mañá coa apertura do recinto e recepción dos participantes. Media hora despois xa se verá actividade con xogos tradicionais e populares para todas as idades.

Entre as actuación destacan as cantareiras Nunca é tarde, Os Riola, Lumieira e Albaroque, o grupo de danzas e música Pedra de Aroña, os gaiteiros Os Rachapalcos e o grupo de baile tradicional de Abanqueiro, e o grupo de palilleiras galegas Revolteiros desenvolverá unha mostra tradicional de encaixe. Despois do xantar campestre volverán os xogos, haberá lecturas de textos da obra de Manuel María a cargo do grupo de teatro Airiños de Rianxo e as presentacións dos libros “De remate” de Héctor Cajaraville e “Labrego con algo de poeta” de Mercedes Queixas. Logo chegarán as actuacións da Escola de Música Tradicional de Boiro, Xilbarbeira, As Xoaniñas, Abeloura e Barahunda co disco “Múdanse os ventos”. E haberá unha exposición de fotos de Manuel María.