RIANXO – Discurso completo de Adolfo Muiños en su investidura como alcalde
Agradecemento aos veciños e veciñas co seu voto expresado nas eleccións municipais o pasado 24 de maio posibilitan estar aquí e volver despois de catro anos a encomendarnos a tarefa de responsabilidade que é dirixir o goberno de Rianxo nun novo mandato. As urnas falaron democraticamente e nos asignaron ás diferentes forzas un papel que debemos exercer con dignidade conscientes do seu significado.
Mais sempre e agora máis se cabe, é preciso que non remate a participación veciñal co voto e se abran espazos para maior contacto, diálogo coñecemento, control, e incluso toma de decisións. Novas canles para a participación veciñal nos asuntos públicos.
No remate deste proceso electoral todos os veciños e veciñas, con independencia do que votaran, teñen os mesmos dereitos para demandar servizos, actuacións, e teremos por tanto que poñer en marcha os mecanismos, algúns xa impulsados neste mandato, para que así sexa.
Entendemos tamén que a sociedade galega en xeral, e o pobo de Rianxo en particular mandou unha mensaxe de diálogo, de obriga a buscar acordos na procura dar estabilidade e solidez á acción de goberno. Nas próximas datas comezará esa tarefa, porque isto é un barco que non se goberna só, que precisa patrón sí, mais tamén unha boa tripulación que o arroupe senón tórnase inútil.
Por iso tamén quero lembrarme e que nos lembremos todos e todas de compañeiros e compañeiras desta corporación que xa non están e que realizaron nestes anos un grandísimo servizo público. Especialmente Carlos Gey, que foi primeiro tenente de alcalde e hoxe de seguro estaría conosco nesta sesión. E tamén de Marité Sobradelo, polo pasamento do seu home que quixeramos ter conosco tamén. Por eles lembranza agarimosa e forte aperta aos seus familiares.
E recoñecemento para todos e todas os que como concelleiros deron o seu tempo, un ben impagábel, ao servizo da causa común de todos. Nos tempos nos que se quere lixar a palabra política esta debe ser invocada pois tampouco nada se resolve sen ela. A solución aos problemas está na política, escrita con boa letra e executada por veciños e veciñas implicados no benestar común.
Felicito persoalmente e todos e cada un dos novos concelleiros e concelleiras que vos comprometedes e animades a entregar tamén o voso tempo, o voso esforzo nesta nova andaina. Todos imos ter un papel principal que desempeñar, desde o goberno á oposición. Que sigan presidindo a tolerancia, o diálogo os debates nesta casa.
Continúan tempos difíciles, mentres safa a banca e os grandes especuladores, os problemas da xente agardan: un milleiro de veciños e veciñas, especialmente mozos e mozas, sofren o desemprego e debemos implicarnos na procura de solucións. En parte non está nas nosas mans, mais sí podemos abrir canles e crear condicións que favorezan iniciativas xeradoras de emprego, desde o polígono industrial ao emprendemento.
Tamén recuperar ilusión, nada gañamos instalándonos na complacencia ou no negativo. Rianxo ten unha marca recoñecida, respectada por todo o país, non só por ser berce de Castelao, Dieste, Manuel Antonio, Brea Segade ou Faustino Rey Romero, Arcos Moldes, ou tantos outros persoeiros da cultura vivos que nos fan un referente da cultura galega e do idioma do país.
Mais tamén polos seus produtos, a xouba, o mexillón. Crer en Rianxo, nas potencialidades produtivas, comerciais, turísticas, naturais, urbanísticas. Aquí pódese vivir moi ben, creámolo nós tamén. E axudemos desde o concello a xerar un espírito colectivo de esperanza, de ilusión e de esforzo por saír adiante, por impulsar esa marca, Rianxo.
Temos importantes asuntos por diante, equipamentos de benestar que seguir a reclamar a outras administracións desde o franco diálogo e desde o respecto mútuo e á xente de Rianxo. Un avance nas instalacións de saneamento comprometidos impulsados polos fondos europeus, unha posta ao día da rede de estradas e equipamentos de lecer e educativos, unha aposta por novas fórmulas de xestión de servizos municipais, do plan urbanísitico que nos poña no século XXI. Non hai varas máxicas, só traballo, rigor, compromiso, diálogo coa veciñanza e coas forzas políticas que aquí estamos saídos das eleccións.
Hai catro anos diciamos que esta casa que é a casa común de todos e todas: debería ser aberta, transparente, cunha administración amábel, atenta e dilixente coa xente e coas asociacións que encontraron sempre as portas abertas. Queremos seguir traballando para iso. Mais engado unha característica máis: esta casa está para defender as causas xustas. O noso xeito, a nosa pesca, dos preferentistas, aos emigrantes retornados dos defensores do público ou dos desafiuzados. Está tamén para ser refuxio e voz altofalante dos problemas das persoas. Non imos renunciar a isto.
Recibimos un bastón de mando, símbolo do poder municipal pero sobre todo símbolo de que estamos de prestado, o bastón pasa de man a man e el sigue, o pobo sigue, mentres nós marchamos, antes ou despois. O pobo, quen máis ordena, o sábado 24 de maio repartiu as súas encomendas e deu hoxe novamente esta tarefa ao BNG. Con humildade recollo este mandato e con humildade agardo devolvelo ao remate deste mandato. Viva Rianxo!
